Novas

Eguileta explicou como a arqueoloxía municipal nace vinculada ao urbanismo e á ordenación do territorio. A Lei de Patrimonio Histórico Español de 1985 foi decisiva ao recoñecer o patrimonio arqueolóxico como ben público, obrigando a incluílo nos PXOMs e inventarios municipais. Isto deu lugar á creación de gabinetes de arqueoloxía, responsables de protexer e xestionar estes bens. Subliñou a importancia da arqueoloxía preventiva, que substitúe en boa medida á de urxencia, aplicando niveis de cautela ás obras segundo a terra que se remova.

Sánchez Pardo mostrou como a documentación escrita e a arqueoloxía permiten afastarse da idea dunha época “escura”. As fontes escritas amosan unha complexa articulación do territorio con vilas, vilares, lugares e casares. Escavacións como as de Combarro ou Portomeio revelan aldeas, necrópoles e fortalezas ben planificadas, así como cerámicas e restos domésticos que permiten reconstruír a vida cotiá.

📢 Aviso importante

O sábado 13 de setembro de 2025 por mantemento a exposición "Escolma de Escultura" (Rúa da Granxa, Campo de San Francisco, 32005 Ourense) so estará aberta ao público entre as 9 e as 15 horas.

O domingo 14 abrirá no seu horario habitual.

 

Grazas pola súa comprensión e desculpen as molestias.

Tejerizo desmontou a visión da Alta Idade Media como “escura”, amosando a riqueza das aldeas e a iniciativa do campesiñado galego. Destacou o debate entre continuidade e ruptura cos castros así como o colapso do mundo romano co declive de cidades e vilas. O nacemento de novos asentamentos rurais con silos soterrados, casas sinxelas pero duradeiras e unha organización complexa e estable afastase moito da idea de inestabilidade. Varios exemplos mostran aldeas planificadas con barrios, cemiterios e distintos modelos de urbanismo.

Na conferencia, Lino Gorgoso López afondou na historia de Brandomil, paso único do río Xallas ata o século XVII, a través do coñecido como “ponte romana”, usado ata mediados do século XX. O estudo recente do trazado antigo permitiu en 2019 identificar a antiga vía e en 2023 deixar un tramo de 90 metros á vista, mostrando un camiño real de gran envergadura, tamén se atoparon restos de pavimento que poderían ser romanos.

Na conferencia de onte, titulada “O berce do Homo erectus no altiplano etíope: os xacementos de Melka Kunture”, o profesor da UVIGO Eduardo Méndez Quintas destacou a importancia deste enclave para o estudo da evolución humana. A zona, que vén sendo investigada desde 1962 e actualmente baixo dirección italo-española, proporcionou unha secuencia arqueolóxica excepcional.

O luns 16 de xuño de 2025, na conferencia “Alén do Macizo Galaico: arqueoloxía galega no exterior”, David Fernández Abella abordou o papel de Galicia e España na arqueoloxía internacional. Mentres países como Francia consideran estratéxica a súa presenza arqueolóxica no exterior, España apenas mantén unha escola en Roma e só as universidades da Coruña e Vigo manteñen proxectos fóra das súas fronteiras. A UDC en Siria e Palestina, e a UVigo en Marrocos e Etiopía.

A conferencia “O Castro do Coto do Mosteiro revisitado 40 anos despois”, impartida por Luis Orero Grandal, presentou unha revisión dos traballos iniciados en 1983. O castro, situado nas inmediacións do Carballiño, revelou unha complexa estrutura defensiva con murallas de aparello helicoidal, foxos escavados na rocha e restos de canalizacións. Destaca a presenza de máis de 400 fragmentos de moldes de fundición en barro, indicativos dunha produción especializada en obxectos metálicos de adorno persoal.