Sen título (CE000709)

Sen título (CE000709)
Sen título (CE000709)
Comentario

Peza circular, cóncava e lisa pola cara interior e convexa pola exterior, que presenta no centro unha cruz perforada, cuxos brazos vanse aguzando ata os extremos. Ao redor da cruz central dispóñense uns sucos rectos ao xeito dunha prolongación dos brazos, e catro series de tres sucos angulares rematando cada serie cun pequeno suco recto. Os catro primeiros sucos angulares forman un segundo cruciforme que envolve o primeiro.

Sen título (CE000704)

Sen título (CE000704)
Sen título (CE000704)
Comentario

Este peite fabricoúse cunha delgada lámina de bronce que ten a súa parte proximal convexa, mentres na distal posúe unha ringleira de catorce pugas ou dentes ben diferenciados. A parte superior da peza non é completamente maciza xa que foi calada para representar tres figuras xeométricas, unha delas circular e as outras dúas sinuosas.

Sen título (CE000701)

Sen título (CE000701)
Sen título (CE000701)
Comentario

Imaxe do Crucificado coa tipoloxía de catro cravos. Trátase dunha representación de Cristo como Rei de Reis e Señor de Señores, viste túnica talar ou perizonium e aparece tocado con coroa. Os pes descansa sobre unha especie de peaña.

Esta visión de Cristo tan afastada da beleza natural tiña que encher unha función expresiva ao servizo dunha idea relixiosa.

Está feito de cobre revestido cunha lámina dourada que evita a oxidación e que lle outorga unha apariencia de riqueza. O esmalte utilízase para resaltar os ollos e as teas preferentemente en cores azuis, brancas e negras.

Santo Cristo de Orense

Santo Cristo de Orense
Santo Cristo de Orense
Comentario

Plancha rectangular de cobre coa representación do Santo Cristo de Ourense en retablo barroco de columnas. O espazo central cun arco, está ocupado pola figura de Cristo crucificado con tres cravos, longo pano de pureza e coroa de espiñas. Aos seus pes aparecen as dúas Virtudes Teologais (Caridade e Esperanza) e o que semella a figura dun bispo. Á esquerda e á dereita do arco central, as Virtudes Cardinais coroan o retablo dous anxos portadores dos elementos da paixón.

Ao pe do retablo figura unha inscripción.

San Rosendo

San Rosendo
San Rosendo
Autores/as
Ferro Requeixo, Gregorio
Comentario

Representa a San Rosendo como bispo no corpo principal dun retablo neoclásico, con dous anxos sostendo un escudo no remate e previsto de pedestal cunha lenda.

Nas xambas figuran seis medallóns que adoptando o "estilo Imperio" representan episodios da vida do Santo: aparición do anxo á Santa Ilduara, o carro de bois transportando a pía do bautismo e levada polos anxos a San Miguel de Couto, a consagración de San Rosendo como bispo, a resurrección dos obreiros castigados, San Rosendo liberando a Galicia dos Normandos e a morte do Santo en Celanova.

O gravado resólvese con elegante debuxo de extraordinaria minuciosidade nos detalles. Destaca a ambientación das escenas, con mobiliario e roupaxes propios da época e as figuras de canon redondeado, cheas de dozura.

San Ramón Nonato e virxe do Carme

San Ramón Nonato e virxe do Carme
San Ramón Nonato e virxe do Carme
Comentario

Plancha calcográfica traballada en ámbalas dúas caras. No anverso, e enmarcado baixo un arco de medio punto sitúase a figura do Santo coa vestimenta característica con coroa de santidade e portando palma de martirio na súa man dereita e custodia na esquerda. San Ramón atòpase sobre unha peaña baixa con cartela de motivos vexetais que alberga a súa identificación e lenda. No reverso, presenta nove seccións coa representación da Virxe do Carme co Neno enmarcada nun óvalo cunha cartela: VIRGO CARM

Sen título (CE000669)

Sen título (CE000669)
Sen título (CE000669)
Autores/as
Mestre de Sobrado
Comentario

Pequena táboa de tríptico que debeu formar parte dun pequeno retablo de historias da Paixón de Cristo.

A parte escultórica ten unha tendencia corpórea na concepción da figura e o particular "pathos" que a alenta, acusando o expresionismo dramático, é fácil de recoñecer no tipo fisionómico da Virxe, así como no seu dominio da posta en escena. A figura, pensada para suscitar a compaixón, é unha "imago pietatis". Totalmente velada, María represéntase de pe, cos pés sobre o montículo rochoso do Gólgota, integrada no marco arquitectónico dun nicho que contribúe a suxerir dous planos e por tanto profundidade. O drapeado, ampuloso e de abondosos pregamentos quebrados, é moi característico do escultor, articulándose de forma rítmica seguindo o movemento de torsión do xeonllo, nun violento contraposto manierista. A "compassio Mariae" plásmase na expresión de dor do rostro, cos ollos entreabertos, e na tensión dramática do xesto.

Mentres, as pinturas das portas no anverso completarían o programa iconográfico ca Anunciación do arcanxo San Gabriel a María.

María está axeonllada lendo a Biblia aberta sobre o reclinatorio. Como consecuencia do pequeno formato da táboa, a técnica é minuciosa, prestando atención á reprodución dos detalles, como mostra a indumentaria e a procura dunha beleza elegante no atavío da Virxe, con colar de doas e tocado de rolo, deixando a fronte despexada. O detallismo da pintura detense tamén nos obxectos do íntimo dormitorio, escenario imposto para o desenvolvemento da escena dende finais da Idade Media, reproducindo o mobiliario común das casas principais da época, da que dan referencia os inventarios particulares. Dáse importancia ao leito con piares de forma clásica e capitel tallado, sostendo o dosel coroado por crestería metálica. Cores e bordados describen a calidade dos almofadóns, cobertores e colgaduras que o recobren, completando o mobiliario a arca de madeira, ricamente decorada a xogo ca cama, e a alfombra de motivos vexetais. Non en van a execución do mobiliario corría ás veces a cargo dos principias escultores e entalladores. O brillante colorido, e a atrevida gama dos vermellos, harmoniza co carácter intimista e cotián da escena.

San Torcuato

San Torcuato
San Torcuato
Comentario

Representa a San Torcuato de corpo enteiro e canon esbelto, mostrando un rostro de gran corrección e expresión venerable. A figura aparece flanqueada por unha columna clásica recuberta por unha cortinaxe de brandos pregamentos e gran empaque. O fondo arquitectónico se abre a unha paisaxe, sinalando a profundidade mediante un chanzo en damero.

O lenzo foi tratado cunha imprimación uniforme de tono carmín que proporciona no resultado final unha notable armonía cromática, destacando a orquestada oponencia entre o branco da alba e o vermello da capa pluvial, resoltos con pincelada solta e diluída que se convirte en minucioso detallismo nos ornamentos da capa e alfaias accesorias.

Retrato de frei Benito Uría

Retrato de frei Benito Uría
Retrato de frei Benito Uría
Comentario

Representa ó bispo nun interior dignificado por unha cortinaxe verde, que constitúe case todo o fondo, sen apenas volume, deixando un pequeno espazo aberto a unha columna con rocalla. A figura, de tres cuartos, aparece vestida co hábito representativo da súa dignidade, en actitude de bendicir. Rostro sereno e afiados rasgos.

Pai Eterno

Pai Eterno
Pai Eterno
Comentario

Responde a escena á escenografía propia da decoración mural neoclásica, corroborada pola presenza de lunetos con decoración vexetal nos ángulos. Centra a composición o Pai Eterno sobre nubes en actitude de bendecir e co globo terráqueo; rodéano grupos de cabezas de querubíns e anxos nos ángulos inferiores. O lenzo aparece cortado, acusando a falta da escena inferior. A composición resólvese con formas blandas, sinxelo tratamento das ropaxes e cores de suave tonalidade.