Sen título (CE005270/24)
Pequena cunca de terra sigillata hispánica lisa de perfil hemisférico. A súa forma é aberta, globular, de bordo recto e redondeado e co corpo atravesado lonxitudinalmente por un baquetón curvo que divide a peza en dúas zonas. O pé é de forma circular cun pequeno remate saínte recto. A pasta é moi fina, sen desgraxantes, e aparece cuberta por un engobe vermello, brillante e moi compacto. As pezas desta tipoloxía presentan decoración de liñas buriladas paralelas facendo zigzag no bordo e paralelas oblicuas na parte superior do baquetón.
Sen título (CE005231/45)
Morteiro en forma de cunca, con bordo en forma de viseira, reintegrado a partir dun fragmento. Ten un corpo bastante aberto e bordo saínte de sección triangular. O vertedoiro é saínte e confórmase mediante o modelado de dúas leves molduras oblicuas, non existindo rebaixe do bordo na canle. A súa base é plana e forma case unha liña continua co corpo. Na cara interna ten abundantes fragmentos de cuarzo aristoso para acentuar a superficie de abrasión e permitir un perfecto mallado dos condimentos.
Sen título (CE005231/44)
Morteiro de bordo exvasado, plano e de moita anchura. Presenta un corpo cóncavo e lixeiramente inestable. Caracterízase por ter un diámetro moito maior na boca que no fondo e un bordo exvasado plano de moita anchura, o cal atópase perfectamente definido e ten unha sección triangular. Está realizado nunha pasta pouco decantada, con abundante mica como desgraxante. A superficie é de cor crema con manchas negras e grises.
Sen título (CE005227/66)
Pequena sítula ou acetre, fabricada nunha soa lámina de bronce, de paredes rectas e bordo volteado. Remata nunha pestana triangular con dúas perforacións circulares a ambos os dous lados, recortados na propia folla do metal, para suspender a asa.
Sen título (CE005227/65)
Vasilla de cerámica común romana de corpo troncocónico amplamente desenvolto, bordo exvasado horizontal, beizo redondeado e fondo plano, decorada cunha única acanaladura na metade do corpo.
Sen título (CE005231/41)
Vaso/xerriña con pé elevado, monoansada, de bordo corto, oblicuo e exvasado. Colo troncocónico que se une co corpo formando unha marcada carena da que parte unha asa de sección circular. A parte inferior do corpo é a modo de cono invertido e descansa nunha base co pé elevado e asa de sección circular. Está realizada nunha pasta decantada e escura gris-branquecina con partículas non plásticas de calibre medio. Presenta unha tenue decoración de liñas espateladas verticais no colo.
Sen título (CE005231/40)
Prato de fondo de parede levemente oblicua, de bordo engrosado e labio redondeado. Está realizado nunha pasta de cor gris escura pouco depurada, con abundantes desgraxantes micáceos e partículas non plásticas. A cocción foi mixta, xa que mostra alternancias significativas de cor. Debeu estar en contacto co lume xa que mostra restos de queimado ao interior e no bordo exterior.
Sen título (DX0017/52)
Xerra de corpo avultado e ovoide, base estreita e plana, cun fondo lixeiramente convexo. Amosa un alto colo cilíndrico, con leve resalte na súa unión co corpo. O bordo é curto, exvasado e levemente colgante cunha liña incisa perimetral na pare superior.
Ten dúas asas en cinta, bastante abertas e decoradas cunha suave acanaladura, que parten do colo, inmediatamente debaixo do bordo, e enlazan coa parte alta do corpo. Esta realizada a torno cumha pasta dura, follada, de tonalidade laranxa clara. A superficie exterior está alisada con lixeiro engobe dun ton levemente máis escuro que a pasta.
Sen título (CE005270/23)
Prato de corpo curto e cóncavo, bordo biselado e base lixeiramente cóncava. Está realizado nunha pasta decantada e presenta un acabado exterior brunido e ao interior, un engobe vermello.
Paxinación
- First page
- Páxina anterior
- …
- 35
- 36
- 37
- 38
- 39
- 40
- 41
- 42
- 43
- …
- Páxina Seguinte
- Last page
Tapadeira oblicua con pomo de sección circular resaltado e beizo insinuado por unha leve flexión da liña da parede, e interior lixeiramente cóncavo. Está realizada cunha pasta alaranxada clara con partículas non plásticas relativamente abundantes, e superficie exterior deficientemente alisada.