Cunca de terra sigillata marmorata da forma Drag. 29, con bordo aberto e carena ben marcada. O bordo está conformado externamente por tres elementos: labio e moldura decorada con rodiña, con acanaladuras, e moldura tamén decorada con rodiña, levando tamén internamente unha acanaladura. Segue unha ringleira de perlas, ben marcadas, dando paso a unha decoración disposta en dous frisos: no superior presenta unha sucesión de grilandas compostas por tallos e rematadas por motivos florais, nun dos lados, e no inferior, óvalos de cabeza semicircular e nervios no perímetro externo.
Peza do mes
Esta actividade ten por obxectivo profundizar no coñecemento histórico, artístico e material dunha peza pertencente ás coleccións do Museo.
Edítase un folleto no que un especialista ou investigador da a coñecer a súa historia particular, o seu contexto histórico e as súas características formais e de estilo.
A peza permanece exposta todo o mes na “Sala San Francisco” e a presentación ó público ten lugar o segundo mércores de cada mes ás 20 h., con acceso gratuito.