Sen título (CE000012)
Arranque dunha posible padieira ou friso, decorado cun motivo de entrelazo realizado por medio de tres baquetóns paralelos, que loxicamente continuarían ao longo da peza. Os círculos centrais, tamén resaltados, teñen un punto inciso no medio. O motivo está enmarcado por un baquetón liso e irregular en anchura, por tres dos seus lados.
A realización e a conservación do entrelazo é boa, non así a da moldura circundante, moi irregular e deteriorada.
Sen título (CE000011)
Capitel exento de columna; o seu cálatos, de rebaixe troncocónico, está repicado na súa metade inferior, o que non impide apreciar a beleza da escena que se narra na metade superior, posiblemente unha representación da Santa Cea. Os personaxes, de suave modelado e de atrevido concepto lumínico, preséntanse de frente, e todos eles de medio corpo. A escea principal está presidida por Cristo cun nimbo crucífero e, en actitude de bendecir, arroupado por dous dos apóstolos. A zona entre Xesús e o da esquerda, espacio hoxe desfeito, puido estar no seu día ocupada pola figura de San Xoán. O resto do apostolado, formando grupos de tres, enxornan os outros lados do capitel, estando os do lado oposto á escea principal totalmente deteriorados. A transición ao ábaco, de sección cadrangular, faise por medio de follas carnosas naturalistas en cada unha das esquinas, e por medio dun plano circular que sobresae lixeiramente do ábaco.
Sen título (CE000010)
Cipo prismático de sección cadrada, con inscrición en seis liñas.Todos os seus lados están repicados, o frontal, na parte superior do seu lado esquerdo.
Sen título (CE000008)
Capitel correspondente a unha columna exenta con figuras esculpidas en relevo (bulto redondo). A transición da forma prismática rectangular do ábaco á circular da cesta faise mediante un plano circular que sobresae lixeiramente e tamén mediante a asisada colocación nos ángulos dunhas follas trilobuladas, abertas e moi naturalistas. No relevo da cesta, na súa cara principal e ergueitos, amósasenos a escena do Lavatorio dos pés. No resto das caras do capitel aparecen as figuras de oito dos apóstolos representados en grupos de dous, afrontados; sentados todos menos dous, que amosan nos ángulos a súa cabeza. As caras son redondeadas con rasgos doces e expresión viva. O tratamento das vestiduras lévase a cabo nas dobreces das mesmas mediante liñas paralelas, curvas e angulares.
O autor do capitel, quizais por falta de espacio, para poder representar a tódolos apóstolos, recurriu a simboloxía dos seus atributos para así poder facelos constar: a esquerda de S.Pedro represéntase a concha de peregrino de Santiago Apóstolo. Non se logra descifrar a identidade plena dos apóstolos, aínda que algunhas figuras como a que suxeita o libro podería tratarse de San Xoán evanxelista, e tal vez Santo Tomás fose a figura que parece sinalar con dedos o costado doutra figura, aludindo a "duda" do santo.
Sen título (CE000007)
Bloque granítico labrado composto de dúas partes: un tronco de pirámide cuadrangular cun saínte, conformando un "L" tumbado sobre o pau máis longo, amosa un labrado alisado, sen decoración algunha, pois constitúe a área do conxunto que iría encaixada no muro da igrexa. A outra parte é o canzorro de rolos, de bastante voo: unha moldura de caveto (un cuarto de círculo cóncavo) co plano superior liso, que terminaría na cornixa, mentres o plano curvo adornase cunha serie de 8 lóbulos convexos, graduados, de maior tamaño o primeiro; os dous rolos laterais amosan unha labra de ángulo bisel, desenvolvendo rosetas hexapétalas alternando con rodas helicoidais de cinco raios curvos (excepto o rolo maior que presenta seis radios) en sentido sinestrorso.
Sen título (CE000006)
O bloque poliédrico fracturado nunha das súas faces é o soporte dun posible puidor. A análise morfolóxica do bloque distingue unha serie de datos xeométricos: oito caras ben diferenciadas; dezaseis arestas; un mínimo de catro diagonais; e o mesmo número (11) de vértices, ángulos diédricos e poliédricos. Se a estes datos engadimos o feito de que a posible base amosa unha forma pentagonal irregular e que as caras laterais son subrectangulares, teríamos que a morfoloxía xeral se definiría como unha figura de xeometría prismática, pentagonal e irregular. A superficie da peza evidencia un acabado heteroxéneo. Nas caras laterais presenta uns cortes irregulares, sobre todo na parte onde as fracturas son máis evidentes, pero esta tendencia altérase na mencionada base, que pese a ser moi groseira, revela cinco negativos con marcas de apicoado ou coviñas moi irregulares, ao contrario que a cara oposta, que mostra unha subdivisión diagonal en dúas faces, unha afectada por una abrasión homoxénea e outra cun negativo ou concavidade, de morfoloxía elipsoide, puído e ben delimitado. Esta última característica morfofuncional -e en ausencia da parte fracturada- explicaría a definición da posible utilización como pulidor móbil, ou exento, que lle atribúe a bibliografía. Por último, a materia prima granítica presenta un gran fino-medio, cun grao de alteración incipiente
Sen título (CE000003)
Fragmento de placa de forma irregular da que só se conserva o ángulo superior dereito. O campo epigráfico está rebaixado e delimitado no borde superior e na zona central do lado dereito por un baquetón.
Sen título (CE000002)
Ventá xeminada de dous arcos xemelgos ultrasemicirculares retocados nos arrinques, o que modifica o seu primitivo aspecto. O intradós dos arcos aparece percorrido por unha sinxela moldura convexa, motivo que se repite bordeando toda a peza. O parteluz, de forma prismática, decórase cun rectángulo rebaixado, dividido en dous planos verticais mediante unha aresta central. Na súa base, como detalle ornamental, escávase un diminuto arquiño de ferradura cego con moldura en omega. Os elementos decorativos, notablemente austeros e tendentes a subraiar o estrutural, están, sen embargo, labrados en boa simetría.
Humilladoiro de San Francisco
Fuste de cruceiro de sección circular ornado na súa parte baixa polas figuras de Adán e Eva no momento posterior a sucumbir á tentación da serpe que, sentíndose triunfadora, contempla a escena enroscada no tronco da árbore da "ciencia do ben e o mal"; toda a escena está tratada cunha certa inxenuidade que a fai próxima e recoñecible. Na parte superior, catro anxos de corpo enteiro e de factura máis naturalista, circundan o fuste apoiados en senllas peañas, representando o gusto galego pola anxolatría (reverso: Gabriel coa cartela e Rafael co libro; anverso: dous anxos, No anverso, dous anxos, ataviados con dalmática, un con cartela, podería ser Uriel o outro no momento da Psicostasis, identificado como San Miguel loitando co demo, xa que o fiel da balanza que serve para pesar as boas e malas accións dos homes antes de levar a súa alma perante Deus, prolóngase facendo unha cruz que crava na boca do dragón que ten aos seus pés. Visten unha dobre túnica de pregues tubulares e de caída vertical, e portan nas súas mans filacterias, e a cruz e a balanza, símbolos precursores do triunfo do sacrificio da cruz sobre o pecado e a morte. Por riba das súas cabezas, e rematando a árbore do cruceiro, unha fermosa fronda serviría de base para soster un crucificado e unha imaxe da Virxe co Neno, tal e como aparecen nun debuxo do século XVIII que se conserva neste Museo, xa que o que se ten hoxe en día, cremos que non é o orixinal. No Museo, ademais deste fragmento, consérvase parte dun dos piares que sostiñan o tellado que cubría o cruceiro, e que contén unha inscrición co nome do dedicante e a data da súa construción.
Paxinación
- First page
- Páxina anterior
- …
- 191
- 192
- 193
- 194
- 195
- 196
- 197
- 198
- 199
- …
- Páxina Seguinte
- Last page
A estrutura xeral deste capitel é de orde corintia. O cálatos presenta a sucesión normal de dúas coroas de follas de acanto, bastante ríxidas e que configuran case a totalidade do capitel. As follas da primeira coroa son máis esquematizadas, sen que sexa posible apreciar demasiado nelas a articulación dos lóbulos que as constituirían. As follas da segunda coroa, de maior proporción e máis amplas, teñen unha disposición trilobulada das follas, pois a parte superior central das mesmas está percorrida verticalmente por unha estreita nervadura central, avultada, trazada de maneira basta e pouco efectista, aínda que se disculpa coa decoración central das follas mediante incisións dispostas de maneira simétrica a modo de palmeta e pequenos puntos de trépano. As follas de acanto que constitúen ámbalas dúas coroas, están bastante adheridas ao cálatos, afastándose soamente no ápice da folla que ten forma redondeada, dando unha sensación de labra de contornos redondeados, non logrando evadirse por completo do concepto de bloque. A parte inferior cilíndrica do capitel está labrada e adornada con debuxos e con motivos xeométricos e un talo ondulante a modo de follas ou zarcillos aínda que sexa de maneira simple ou esquematizada, pero de pleno sabor orientalizante e tamén de pequenos puntos de trépano. Carece de colariño funicular tan peculiar e común nos capiteis mozárabes.