Sen título (CE000303)
Proxectil da avancarga, de tetos ou aletas de forma alongada e aerodinámica, con espoletas de contacto.
Sen título (CE000302)
Este servidor de bombarda procede dunha das antigas fortalezas da provincia. O servidor está pechado nun dos seus laterais, ten dous aneis de reforzo ou zunchos conservando tan só as liñas de ruptura dos dous orificios destinados a acoller ás argolas de suxeición.
Sen título (CE000300)
Aixada de ferro formada por unha prancha con forma triangular que conta cunha espiga que ten un ollo para encaixar o seu mango.
San Bieito Abade
Talla en altorrelevo que adquire aparencia de vulto redondo. Representa o abade co hábito da Orde, portado libro aberto. O canon alongado da figura acentúase pola verticalidade dos pregos do hábito e a amplitude das bocamangas. Ós pés sitúase a mitra e o corvo alusivo á tentación de San Bieito en Nursia.
San Brais
Obra de factura popular, hierática e de desenrolo volumétrico con imposición de formas redondeadas. A cabeza, toucada con mitra, mostra unha faciana falta de expresión, de canon alongado e trazos delineados e afiados. O hábito e a capa presentan pregues rectos con ornamentación de motivos florais xeometrizados e bordes realzados con policromía dourada.
Sen título (CE000290)
Virxe sedente co Neno sobre o xeonllo esquerdo. A Virxe leva touca e coroa e o Neno porta un libro pechado e un dos seus brazos (articulado) en actitude de bendicir. As roupaxes amosan sinxelos pregues curvos e paralelos.
Sen título (CE000289)
Anxo músico, tocando o cornetto, asentado sobre unha peaña de nubes ondulantes. O xiro do corpo a súa dereita, en contraposición á postura dos brazos que suxeitan o instrumento, proporciónalle un movemento inestable, subliñado polas roupaxes quebradas e angulosas que descobren unha das pernas, imprimindo á figura harmonía e movemento. Mostra trazos faciais ben marcados e definidos, minuciosa talla dos cabelos rizados e coidada anatomía de suave modelado e «gordechas carnes», así como graza na delicada postura dos dedos e nas meixelas inchadas mentres executa a interpretación musical. A policromía da túnica está realizada coa técnica do estufado, a base de motivos vexetais sobre o fondo verdoso das teas. Aínda que non se coñece a súa procedencia, este pequeno anxo músico, tal vez formase parte dun grupo dedicado á Virxe. A partires do s. XIV numerosos temas, ata entón a penas tratados na escultura de vulto redondo, desenvólvense xogando un papel esencial nos programas iconográficos. As figuras dos anxos están a miúdo presentes nos temas da «glorificación divina». Entre os mesmos destaca a modalidade dos anxos músicos, asociados frecuentemente a coroación da Virxe María, facendo soar diversos instrumentos musicais, contribuíndo ao gozoso esplendor da escena. Non sempre levan a súa característica esencial, as ás, símbolo da capacidade de desprazamento entre o ceo e a terra, e case sempre van descalzos como símbolo de pureza. No Apocalipse de S. Xoán, os anxos forman parte activa tocando tubas e frautas. Tamén é frecuente a participación dos mesmos nas escenas do Nacemento de Xesús, xustificada a súa presenza polo gozo e os cánticos de louva, tal como se indica no Evanxeo.
Santa Catarina de Alexandría
Escultura de porte maxestuoso e acusada verticalidade. A Santa aparece toucada con coroa e portando o libro, faltándolle o atributo da espada. Ataviada con túnica pegada ao talle, marcando unha suave anatomía con pregues de proxección lineal e agrupados en abano sobre a perna que repousa na cabeza do rei Maximiano. Rostro de duras faccións con intensa policromía nas carnacións, que na cabeza do rei tradúcense en trazos que raian no grotesco. A historicidade de Catarina é moi dubidosa, pois o seu nome non figura en ningún texto da antigüidade cristiá, nin litúrxico nin literario. A lenda descríbea como unha muller fermosa, intelixente e culta, procedente dunha familia nobre de Alexandría (Exipto), que se nega a casar co emperador Maximiano a causa do seu «matrimonio místico» con Cristo. A súa virxindade asóciase tamén ao nome, derivado do grego katharos, que significa puro. Sostén victoriosamente unha disputa con cincuenta filósofos enviados polo pagán Maximiano para demostrarlle a inanidade da fe cristiá. Furioso, o emperador envía aos filósofos que catarina converteu ao cristianismo á fogueira e ordena que ela sexa desgarrada por unha roda chea de puntas, que milagrosamente se quebra ao tocar o corpo da muller, quen finalmente morre decapitada arredor do ano 307. A súa festa celébrase o 25 de novembro (suprimida coa reforma que fixo a igrexa católica do calendario en 1969).
Sen título (CE000287)
Talla en madeira polícroma da Virxe pertencente ao grupo dun Calvario que responde ao tipo de Dolorosa de talla popular en forma pechada, con proxección vertical e ríxida frontalidade. A figura, recollida polo manto, con pregos escaleirados que caen lateralmente de arriba a abaixo, compón, coas man unidas en oración, un arco. Viste túnica vermella de motivos florais e manto azul estrelado realzado por unha orla xeométrica.
Paxinación
- First page
- Páxina anterior
- …
- 186
- 187
- 188
- 189
- 190
- 191
- 192
- 193
- 194
- …
- Páxina Seguinte
- Last page
Trabuco de avangarda longo, pesado e de construción robusta; ánima lisa e gran calibre (19 mm), posúe un reforzado mecanismo de chispa, o cal otorgáballe unha gran fiabilidade, canóns de aceiro (o mais antigo de latón e o outro de ferro), mentres que a madeira e de nogueira. Ademais engade unha baioneta de 50 cm. Partindo desa arma fixéronse unha serie de modificacións: conversión a percusión (mantendo os trades que fixaban o resorte do restrelo á platina da batería) e recorte do longo canón, abucinando as bocas de fogo para a súa conversión en trabuco.